La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Acabo de chegar a Alacant para dar unha conferencia na universidade. Baixei do avión e vin dereito ao hotel porque van ser as dez da noite e aínda teño que cumprir con esta grata tarefa de cada día. A última vez que estiven por aquí foi polo mesmo motivo: unha charla non recordo ben en que lugar. Naquela ocasión fórame buscar ao aeroporto o organizador dos actos, que nada máis velo, xa me deu mala espiña. Era un deses charlatáns comemundos, simpático e desenvolto, que presumía de influencias e amizades.

Pagoume cun cheque sen fondos a conferencia, os billetes de avión e dúas noites nun hotel, ademais dunha cea á cal me invitou el para presentarme a unhas suecas e que tamén paguei eu. Como xusto castigo, a conversa desenvolveuse no idioma das rapazas e o personaxe acabou aburríndose como un oso.

Dous anos despois, un veciño que viña de pasar uns días en Alacant díxome que coñecera un íntimo amigo meu, o cal lle pediu con moita insistencia que me dese un abrazo da súa parte. Naturalmente, resultou ser aquel caribe. Se digo a verdade, nunca lle gardei mala lei, por máis que non me gustou nada o que fixo. Recordando aquel episodio, téñoo pasado moi ben con algúns amigos. Agora mesmo vou cear cun par deles e seguro que falaremos do asunto. Xa me gustaría que o golfo aparecese mañá na conferencia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de outubro de 1996.