La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A finais de xaneiro do ano 1989, pronto vai facer cinco anos, escribinlle ao secretario da Real Academia Galega, Marino Dónega, solicitándolle as fotocopias dun documento que necesitaba con urxencia. Non me chegaron. Naturalmente, reclameinas por teléfono, pero co mesmo resultado. A pesar das protestas que en favor da súa inocencia me fixo o meu amigo, moitas veces nos temos rido ambos os dous a conta daquel suceso.  A risa del sempre a interpretei como unha pícara aceptación tácita da súa neglixencia.

Estaba equivocado. O sobre coas fotocopias, remitido por correo o día 1 de febreiro de 1989, segundo consta no cuño regulamentario, acaba de chegarme cinco anos despois. Trae a dirección correctamente posta, os selos correspondentes, non lle falta nada. Ignoro por onde andou durante todo este tempo.

Por curiosidade, non por sentirme prexudicado, fun preguntar a Correos. Unha señorita, coa seguridade que outorga ese parapeto militar que ás veces son as ventaniñas, díxome o que eu menos esperaba: que a carta non chegaba con atraso, pois no sobre figuraba, tal como ela me amosou e eu non vira, outro mataselos que dicía 6 de febreiro de 1998. É dicir, que a carta expedida na Coruña en 1989, aínda me tiña que chegar dentro de cinco anos. Por suposto que lle dei as grazas polo adianto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de outubro de 1993.