La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado de madrugada estiven escoitando a radio para entreter o insomnio, unha experiencia que raramente me toca. Foi esa a razón de que oíse o testemuño dunha señora chilena que hai vinte e cinco anos foi torturada. Por moito que a entrevistadora intentou que a muller contase dun xeito concreto en que consistira a tortura, non conseguiu arrincarlle unha palabra ao respecto. Houbo un momento en que respondeu: “Diso non quero falar, de igual modo que nunca falaría das miñas relacións íntimas en público. Dáme vergonza. Por outra parte, non resulta difícil de imaxinar. Os torturadores, como os amantes aburridos, fan sempre o mesmo”.

Naturalmente, unha parte da entrevista tratou sobre o xeneral responsable do golpe militar que ela pagou con tanta dureza. Durante estes días é frecuente escoitar a algunhas vítimas dicindo que, pase o que pase, elas xa se senten satisfeitas co que está pasando.  Non era o caso desta señora. Para ela, todo isto non é nada. Muller relixiosa e devota, segundo se confesou, só acepta a xustiza do Inferno.

Non está mal, pero antes hai que estar seguro de que existe ese lugar de castigo eterno, con lume ou sen lume, pero que exista. Xa se sabe que moitos teólogos de hoxe non están a aceptar que Deus, fonte de amor, poida castigar dun xeito tan horrendo e absoluto a aqueles aos que tanto ama, incluídos os monstros. Unha vez atopei, non recordo en que libro, unha idea que me gustou. Dicía así: se hai almas no Inferno, non é porque fosen enviadas a el, senón porque esas almas queren estar alí. Paréceme unha idea perfecta, o Inferno como elección ou como inclinación. Como esa xente que á hora de ver cine elixe unha película pornográfica.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de outubro de 1998.