La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado comín cuns amigos nun restaurante antigo do centro de Fráncfort, non lonxe do río. A decoración imitaba unha pátina, que con ser real, resultaba un pouco forzada, como  pensada para turistas. Na nosa mesa, grande e de madeira maciza, comían tamén, aínda que á parte, un home e dúas mulleres, os tres dunhas idades máis próximas aos corenta que aos trinta. Das señoras, unha delas resultou ser unha lareta, incapaz de manter a boca pechada nin dous minutos, e falando ademais cunha voz tan alta que non había maneira de evitar escoitar o que dicía, que eran intimidades de tipo familiar, proclamadas sen pudor, cunha conduta máis  propia dunha persoa pouco educada que propiamente sincera.

Os tres eran británicos, o cal non deixou de sorprender a un dos meus amigos, que me dixo algo así como que nunca pensara que estas xentes fosen daquela maneira. A min veume á cabeza unha historia que sucedeu no primeiro Parlamento galego, no que raramente ninguén perdía a compostura, cando alguén dixo que parecía o Parlamento británico, polo exquisitas que eran as relacións entre os deputados dos diferentes partidos. Un prexuízo e un tópico, pois na Gran Bretaña pasa máis ben todo o contrario.

Os meus amigos estaban bastante sorprendidos tamén porque o camareiro que nos servía, un alemán grande e de aspecto poderoso, cun certo parecido con Helmut Kohl, non parecía alemán, é dicir, que non deixou de sorrir en todo o tempo, comportouse cunha amabilidade exquisita, a pesar de que o restaurante estaba cheo e non dispuña de cinco minutos de descanso, e incluso chegou a aconsellarnos que non pedísemos moita comida, pois os pratos eran abundantísimos. Como xa dixen aquí nalgunha outra ocasión, non existen “os alemáns”, senón alemáns. Un deles, este señor do que falo. Como non existen “os españois”, xentes que berran, pois nós, por exemplo, berramos moito menos que os tres británicos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de outubro de 2000.