La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nas vilas e aldeas de Galicia sempre houbo o costume de poñer unhas nomeadas intelixentes, crueis e expresivas. Eu recordo algunhas que me seguen chamando a atención por raras e graciosas: “Cero-quince”, “Seis-reás” e “Merda-de-defunto”.
Nunca souben en que motivo se baseaban, porque eran herdadas e viñan de vello. Sei, en cambio, de onde procedía “Viva don José”, que levaba un pobre home, medio mequetrefe e algo langarillas, empregado dunha fábrica que rexentaba un individuo con aquel nome.

As persoas que teñen o viva fácil non son de fiar. En Ourense había un empregado de sindicatos que estaba especializado en darlle os vivas a un gobernador civil que morría por eles cada vez que tiña unha intervención pública. Sabedor da debilidade tonta do mando, o subordinado decidiu compracelo e sacarlle algo de proveito. Foi dos primeiros que se apuntaron á democracia.

Agora, na China, aparece un individuo, que polo visto foi estreito colaborador de Mao, dicindo que este cometeu moi graves equivocacións no proceso de construción do socialismo. Naturalmente, esta crítica ten, como correlato inevitable, un eloxio desmesurado para Deng Xiaoping, a quen o citado señor considera un político máis clarividente que Lenin, Stalin e Mao. Trátase dun viva. Probablemente lle servirá ao interesado para seguir arrebañando unhas migalliñas de poder. Para máis non dá.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de outubro de 1992.