La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai moitos anos, tantos que prefiro ignorar a brutalidade insolente do número, un día asistín en Ourense a unha conferencia de don Vicente Risco, do asunto da cal non recordo nada máis, e moi vagamente, que trataba dalgún problema relacionado coa arte románica. O caso é que ao rematar, cando un pequeño grupo de persoas das primeiras filas se achegou ao conferenciante para felicitalo, escoitei a voz do escultor Faílde, que presumía de bruto, dicindo: “Don Vicente, nunca sospeitei que soubese tanto”.

A verdade é que Risco era tan natural e sinxelo que podía dar a impresión de non ser un sabio, nin sequera do tipo dos despistados, como ocorría nos banquetes, cando se puña a arrapañar as migas de pan do mantel e a súa irmá lle dicía moitas veces que nunha vida anterior seguramente fose galiña.

Onte empezamos en Ourense, no mesmo edificio onde Faílde quedara sorprendido naquela ocasión, un congreso dedicado ao escritor. Algúns dos relatores recordaron que se trataba dun home delgado e pequeniño, medio enguruñado, o cal é certo, e así o recordo eu tamén. Non obstante, escoitando as cousas que se dicían del, polo salón de conferencias daba a impresión de que se paseaba un xigante. Desde logo, se foi galiña antes de vir a este mundo, debeu ser unha galiña enorme; unha aguia, quizais.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de outubro de 1995.