La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Por Vigo andaba estes días unha señora vestida con cordóns de hábito, non sei se do Nazareno ou doutra advocación calquera, que levaba na man unha foto do candidato socialista e unha estampa de Santo Antón. Ignoro que efecto puideron ter as oracións desta muller nos resultados electorais, aínda que sospeito que non demasiado. Dáme a impresión de que Santo Antón é pouco santo, con perdó n, para contrarrestar as boas relacións que a dereita ten coa Gloria desde hai séculos.

Sei de xente que esperaba que no día de onte se abrisen as comportas do ceo e chovese a Deus dar, igual que sucedeu nas últimas semanas. A chuvia, polo visto, estaba en contra dos intereses do Partido Popular. Pois en Vigo non choveu. Neste caso concreto, a elección do ceo parece que foi bastante explícita: votou por Fraga.

Iso era de esperar. Non imaxina un a Corte celestial facéndolle unha cabritada de última hora aos seus. A chuvia, ou a falta de chuvia, segundo os intereses de cada un, hai que traballala. Xa se sabe, misas, novenas, rosarios, catequeses… Non se pode lanzar a última hora a unha boa muller polas rúas de Vigo cunha foto de Antolín* e unha estampa de Santo Antón na man para remediar o irremediable. E por riba, para irritar aínda máis aos de alá arriba, a foto de Antolín era máis grande que a do santo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de outubro de 1993.

(*) Antolín Sánchez Presedo era daquela o secretario xeral do PSdeG-PSOE; enfrontouse a Manuel Fraga Iribarne, líder do PP, nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 1993.