La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O venres pasado, como comentei aquí, fun a Trives para participar nun congreso e comín unha perdiz. Non dixen, en cambio, que tamén pillei un trancazo. Acostumado como está un a non padecer catarros nin outras limitacións de saúde, custa aceptar que o corpo teña estes fallos e que non nos permita facer unha vida normal. De xeito que levo un par de días sen pegar golpe, incapaz de ler ou de escribir, sen ganas sequera de poñerme a mirar pola ventá e papar a mosca, afección que non require esforzo, pero que non se pode practicar con proveito e con pracer, segundo comprobo, máis que cando se está ben. O único que procede en circunstancias así é durmir, aínda que isto tamén cansa, e bastante.

Eu creo que o catarro o apañei na porta do restaurante, cando saiamos de cear. Unha señora amable e simpática preguntoume entón como andaba o gato Samuel e que era de Leda, a cadela labrador. Díxenlle que os dous estaban ben e xusto nese momento sentín un golpe de frío, aínda que seguín falando con ela, porque tamén quería saber por que facía agora os artigos máis curtos, cousa que me confesou que non lle gustaba. Aclareille que pronto empezaría a escribilos máis longos outra vez.

O que non sabía eu aínda é que me ía tocar empezar a facelos máis grandes precisamente hoxe, coas poucas ganas que teño. De maneira que para animarme a min mesmo, decidín facerme un regalo ao rematar, a ver se, cunha pequena ilusión, se superan os atrancos. Vou saír a dar un paseo polo xardín, que non é moita cousa, pero supón algo mellor que estar pechado aquí, entre catro paredes. E despois de dar o paseo, vou entrar na casiña dos trens, a ver se dou un par de voltas pola maqueta cunha locomotora eléctrica que se chama Paulina de nome de fábrica e funciona moi ben. Se despois de todo isto, son capaz de rematar o día comendo un xeado, dareille as grazas a esta gripiña. Todo serve para algo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de outubro de 2000.