La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No periódico de onte lin a noticia de que o premio Nobel de Literatura deste ano podería ser para o poeta sueco Thomas Tranströmer, un bo amigo, unha persona excelente e un escritor extraordinario. Ten o aspecto normal dun señor da rúa, cun aire de campesiño calado, máis preocupado pola colleita dos campos que polos versos que escribe. Nunca oín falar mal del a ningún dos seus colegas, algo bastante infrecuente no mundo da literatura, no que abunda o cotilleo feroz, incluso nun país tan civilizado coma Suecia. De maneira que durante unhas horas vivín coa ilusión de que un amigo a quen aprezo moito podería recibir o galardón máis importante do mundo.

A sorpresa xurdiu cando alguén me chamou por teléfono para contarme que o premio llo concederan a José Saramago. Non foi menor a alegría. Hai anos, un día díxenlle algo que el non sabía e que a min me contaron en Estocolmo: estivera a punto de gañalo nunha ocasión e perdera por un voto. Non mo creu. Desde entón, sempre lle recordei aquela historia e lle predixen o que acaba de pasar.

Eu coñecín a Saramago hai anos, cando el era un escritor humilde e pouco estimado pola crítica, con moi poucos lectores. Daquela, non só estaba moi lonxe de poder soñar coa gloria internacional, senón que ocupaba un lugar moi discreto dentro da literatura portuguesa. O que veu despois débese exclusivamente ao seu esforzo. En poucos anos, cando xa entrara na vellez, novela tras novela, foise convertendo nun novelista de éxito, ben tratado pola crítica. Non perdeu, non obstante, a sinxeleza nin abandonou os seus ideais, tan á bancarrota nos últimos tempos. Debe ser un dos poucos comunistas que quedan na terra.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de outubro de 1998.