La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos, un escritor galego xa desaparecido, ao que lle gustaba cazar e comer ben, escribiu un artigo nun periódico de Madrid no que dicía que lle acababa de retirar a palabra a un amigo da capital porque o convidara a un deses sitios nos que dan hamburguesas e outras cousas semellantes. O escritor aproveitaba para dicir tamén que o tal convite era a correspondencia a un xantar feito en Vigo uns meses antes, no que el invitara ao outro a uns percebes, unha robaliza, unhas filloas e un bo albariño.

A min sucedeume onte que me veu sacar da casa pola mañá un amigo que quería que o acompañase a dar un paseo no seu barco. Aínda que había unha nortada forte, chegamos ás Cíes, que estaban desertas, e axiña tiramos cara ao interior da ría. Logo fondeamos nunha praia pequena e puxémonos a falar das nosas cousas.

Nesas, deron as tres e o meu amigo convidoume a comer a bordo un estofado de boi, deses que veñen en lata. É dicir, un pecado gastronómico. Nin me pasou pola cabeza a idea de retirarlle o saúdo, porque o xantar sabía a gloria. Non me resultaría fácil distinguir, en cambio, canto daquel sabor agradable viña do prato, canto do ambiente do mar e canto da charla. Supoño que un pouco de cada cousa. Haberá que darlle grazas a Deus polo día e ao meu amigo pola conversa. O que fixo o estofado pode esperar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de outubro de 1996.