La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai xa moitos anos tiven un profesor, que era magnífico como docente e bondadoso como persoa, pero que estaba algo tolo. Levaba un espertador á aula e cando soaba, interrompía a palabra que naquel momento tiña no medio e medio da boca. Home fondamente emotivo, cun corazón de saldo, sufría para suspender a un alumno e pasábao moi mal cada vez que collía a alguén copiando. Nestes casos, só lle faltaba pedir perdón por descubrir a trampa. Durante unha tempada, eu non lle ía ás clases, víame sentado no café, lendo os periódicos, cando el pasaba cara á facultade, e logo preguntáballes aos meus compañeiros se quizais se portara mal comigo, se me molestara con algún comentario e cousas así.  Era un auténtico bendito.

Ademais, era relixioso e moi educado. Por iso me chamou tanto a atención o día que o descubrín, ben avanzada a noite, blasfemando polas rúas, dicindo unhas enormidades sobre a Virxe, Deus e os santos, capaces de encoller o corazón empedernido dun ateo. Menos mal que no momento de rematar os pecados dixo: “¡Este es el lenguaje soez de los estudiantes de hoy!”.

Non blasfemaba, puña un exemplo. O mesmo que fixera uns anos antes, durante o exame da miña tese de licenciatura, cando empezou a recitar unha lista inmensa de palabras feas, para ilustrar algo que non recordo, pero que non viña a conto. Naquela ocasión dixo unha frase da que pareceu quedar moi orgulloso: “¡Hasta las señoritas presumen de atributos de los que carecen!” Foi o primeiro que me veu á mente onte pola mañá, mentres camiñaba pola rúa e escoitei a dúas rapazas falando así. Unha delas, a máis bonita, que o era moito, dixo iso. Por fortuna non era certo, pois levaba unha saia demasiado curta.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de outubro de 1999.