La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O señor Vernon Harvey, cidadán americano, tiña unha filla adolescente. Un día, dous malvados fixeron con ela o que non resulta difícil imaxinar. Primeiro violárona por quenda e logo cóserona a puñaladas: dezasete en total. Por unha desas incomprensibles decisións da xustiza daquel país, o autor material da morte foi condenado a cadea perpetua, mentres que o cómplice, responsable só de agarrar a vítima cando o asasino lle fundía o puñal no corpo, acabou na cadeira eléctrica. Un caso como miles, case trivial.

O día da execución, o pai da rapaza quixo estar presente. Xa que non podía matar o criminal coas propias mans, polo menos quería velo morrer. Asistiu á cerimonia desde detrás dunha ventá. Ao rematar, saíu da prisión eufórico e feliz, cantando de alegría, e foi brindar cuns amigos pola morte do violador da súa filla.

Leo nun periódico americano que o señor Harvey anda agora desalentado. Parécelle que todo sucedeu moi rápido e que o canalla debía ser executado máis veces, quizais de forma perpetua. A vinganza, esa sede que nunca se sacia, ten pouco que ver coa xustiza. Recórdano estes días as persoas que están en contra da pena de morte, pero que non servirá para convencer aos do bando contrario. Quizais fose mellor recordarles que unha execución custa tres millóns de dólares; unha cadea perpetua, seis veces menos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de setembro de 1993.