La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días, por razóns que non veñen ao caso, estou lendo vidas de santos. Xa levo lidas arredor de dez ou doce. En xeral, todas narran pequenos ou grandes prodixios, un dos sinais inequívocos da santidade, que con frecuencia se repiten. Por exemplo, xa lin dúas veces o mesmo milagre: o perfume deleitoso que saíu da tumba de dous destes fillos predilectos de Deus, despois de que se fose averiguar, pasados anos da súa morte, en que estado de conservación se atopaban os seus restos. Ambos arrecendían a flores.

Outro aspecto que me chamou a atención foi a linguaxe en que están escritas estas vidas. Case todos os santos, xa de nenos, deron mostras de virtude; a maioría medraron no temor de Deus e nos principios da sabedoría; todos, absolutamente todos, morreron en olor de santidade e entraron na Gloria entre cantos celestiais.

Tamén ocorre que a maior parte destas biografías son anónimas. De neno, non obstante, eu coñecín un señor que escribirá en verso, co seu nome, a vida de santa Mariña de Augas Santas. Chamábase Luís Otero e era amigo do meu pai. Cando viña comer á nosa casa, eu quedaba mirando para el como se fose santo. Agora din que santa Mariña non existiu. Nese caso, supoño que aquel home, que esperaba ir ao ceo por recomendación da santa, estará nun ceo especial, con santos inventados. Ten que ser un ceo fantástico.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de setembro de 1997.