La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte falei aquí dun erro que apareceu neste mesmo periódico, onde nun artigo sobre a enfermidade de “alzheimer” se advertía sobre a necesidade de acudir ao médico cando se notasen os primeiros “despiestes”. Non é raro que ocorran estas cousas e hai exemplos, algúns moi famosos, de auténticos despistes cometidos por linotipistas ou correctores nas páxinas dos xornais. Sucede tamén cos libros. A este respecto cítase sempre un título que pareceu cun colofón que dicía: “Este libro es el primero en la historia de la imprenta que sale a la calle sin ninguna erata”.

Moitas veces, tales equivocacións nunca existiron, pero circulan por aí como se fosen certas, o mesmo que ocorre coas portadas máis célebres da revista La Codorniz, que nunca se publicaron, a pesar de que hai xente que xura que as viu. En Ourense, unha vez contáronme que apareceran dúas fotos cos pés cambiados: nunha víase o gobernador civil e noutra estaba un porco. Ignoro se forma parte da lenda ou se foi verdade. Gustaríame sabelo porque aquel gobernador se portou moi mal comigo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de setembro de 2000.