Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

Unha estatua para Esterholz

23 de septiembre de 2016 a las 9:20

Na pequena localidade alemá de Dagenberg, na costa do Mar do Norte, hai unha estación metereolóxica similar a moitas outras que cobren a totalidade xeográfica daquel país. O seu director, un mestre local xubilado, gozaba dun recoñecido prestixio profesional e dunha fama non menor polo feito de que os seus partes eran dos máis escrupulosos de todos cantos se recibían na estación central e porque na localidade que tiña encomendada chovía máis que en ningún outro punto de Alemaña. Iso ata hai uns días.

Agora acaba de descubrirse que o señor Esterholz era un tramposo contumaz e que os partes que enviaba estaban manipulados. Desde hai máis de vinte anos, este home de aparencia plácida, mirada pícara e rostro vivo e xuvenil engadía uns vasos de auga no pluviómetro para manter a ficción de que Dagenberg era o lugar de Alemaña onde máis chovía.

Por esta razón acaba de ser expulsado do seu traballo e censurado de maneira oficial e pública polos seus superiores. Na súa defensa, o señor Esterholz só puido alegar que o único que pretendía era manter o nome da súa aldea no mapa, aínda que fose polo triste honor de ocupar o primeiro lugar na lista dos lugares onde máis chovía. Os seus veciños, non obstante, non o defenden. Equivócanse; nunha época en que hai tantos patriotas agresivos, o patriotismo inocente deste home merece unha estatua.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de setembro de 1992.

Marxe
Escrito por amarxedotempo 3 Comentarios
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

3 respuestas a “Unha estatua para Esterholz”

Isabel Arcay
diciembre 20th, 2016 a las 12:34

Moi ben a idea de publicar os artigos de Á Marxe.Grazas. Pero hai un erro na transcrición de “Unha estatua para Esterholz”: estación meteorolóxica é a forma correcta, como aparece no texto orixinal de Casares.

[Reply]

Fundación Carlos Casares
diciembre 20th, 2016 a las 12:43

Cara Isabel,

Moitas grazas polo comentario. O título “Unha estatua para Esterholz” é o título que aparece no texto recollido no primeio tomo da Obra xornalística Completa de CC, tomo 1, 1992 publicado por Editorial Galaxia. Buscaremos a columna orixinal en La Voz de Galicia do 23 de setembro para cerciorarnos do título correcto.

Un cordial saúdo.

[Reply]

 
 
maria vázquez vázquez
enero 21st, 2017 a las 10:19

Sinto que, a este autor, como a outros moitos; só se lle adique (sobre todo nos centros escolares) un día: O DÍA DAS LETRAS GALEGAS.
Tiñamos que adicarlles todos os días do ano e dos anos pois, tod@s eles/as son os que nos ensinan tantas e tantas cousas que, de non existir, non coñeceriamos nunca.Cos escritores, cultiven o xénero literario que cultiven; axúdannos a viaxar, a coñecer as historias dos nosos ancestros, a coñecer un vocabulario de todas as épocas e, A SOÑAR; sì, a soñar, que resulta tan importantes para o ser humano porque; SOÑAR É VIVIR FELIZMENTE. Grazas: Carlos Casares, Manuel Mª,Rosalía de Castro,Ánxel Fole e, moitísimos máís.Grazas por proporcionarnos tantas emoción… Mª Vázquez ao cadrado.

[Reply]

 

Deja tu comentario