La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Moitas persoas aínda se acordarán daquel toliño que no mes de setembro do ano 1968, durante a presentación do ballet ruso de Moiseiev na ópera de Nova York, lanzou unha bomba contra o patio de butacas. Chamábase Víctor Vancier. Por aquel e outros actos semellantes, pasou varios anos no cárcere, que non serviron para educarlle o temperamento explosivo que o levaba a arranxar o mundo a petardazo limpo, pero que lle valeron en cambio para aprender que debía cambiar de vida e de nome. Agora chamábase Ben Pesach.

Convencido de que as bombas resolven pouco e que ademais se pode acabar preso por culpa delas, o personaxe montou unha emisora de televisión en Nova York. Varias veces á semana dedícase a dicir que os negros lle dan noxo e que os israelís debían matar o primeiro ministro Isaac Rabin, por repulsivo e baboso.

Cando lle preguntaron se non tiña medo de ser acusado por incitación ao asasinato, respondeu que a morte de Rabin era algo que desexaba profundamente e que ninguén lle podía impedir a expresión pública dese sentimento. Como non resultará difícil de imaxinar, o tal parviño atravesado ten audiencia, cada vez máis. E como será tamén fácil de adiviñar, é pequeniño e delgado, con cara de neno. Un cagalleta. Se por riba de ser furioso fose tamén intelixente e grande, América podía botarse a tremer.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de setembro de 1994.