La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un dos rapaces máis listos que había na miña vila, segundo contan aínda hoxe as persoas maiores, era un tal Pereda, a que eu non coñecín, pero do cal oín falar moitas veces. Membro dunha familia con moitas bocas e poucos recursos, desde neno amañouse para gañar a vida a base de intelixencia e enxeño. Facía de todo, o mesmo que fose repartir periódicos sen moverse do sitio, valéndose dunha cuadrilla de amigos da súa idade, que montar consulta de bruxo nas feiras, especializado unicamente en asuntos de amor.

Algunha vez pensou en estender o negocio á cura de animais, pero a morte dunha vaca avisouno a tempo de que se trataba dun asunto complicado e perigoso, sobre todo cando o propietario se decatou de que o remedio que lle recomendara, metido nun saquiño perfectamente cosido, non era máis que po de tella picada. Entón meteuse a escribir cartas por encargo. Nin máis nin menos que o que fai ese neno africano que o outro día explicou na televisión como desempeña na súa aldea un oficio semellante. Cando debe comunicar unha mala noticia, especialmente no que respecta a mortes, antes ten que convencer aos clientes de que non a dean de golpe, senón graduada en varias veces. Estes case sempre se resisten porque sae moi caro e ademais, en cuestión de desgrazas, os pobres non necesitan tantos miramentos nin coidados.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de setembro de 1995.