La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola noite asistín a unha discusión delirante, pero admirable polo enxeño que durante máis dunha hora despregaron os dous interlocutores, ambos ben estimulados pola colaboración beneficiosa dunhas doses de licor xenerosamente inxeridas. O debate, quizais soamente un xogo, versaba sobre san Buenaventura e o número de alas que polo visto tiña. A discrepancia reducíase fundamentalmente a un asunto de cantidade. Non cheguei a comprender a importancia de que aquelas fosen sete e non oito.

Convertido en espectador mudo, non me atrevín tampouco a intervir, consciente das dificultades de encaixar a miña opinión naquela metáfora enlouquecida de disparates. O que eu quería saber era por que causa o santo obxecto do litixio, que non tiña a condición de anxo, posuía en cambio alas.

Na arquitectura impecable da disputa, a miña pregunta podería soar como unha provocación. San Buenaventura tiña alas da mesma maneira que Dalí se vestiu un día de ovo ou Ramón Gómez de la Serna pronunciou unha conferencia subido no alto dun elefante. Razóns parecidas impídenme coñecer outros aspectos semellantes da realidade cotiá. Por exemplo, por que tanta xente está conmocionada estes días coa fotografía dos peitos dunha modelo. Como no caso de san Buenaventura, quedarei coas ganas de averigualo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de setembro de 1993.