La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo meu que vén agora de percorrer varios países da América do Sur dicíame hai uns días que alí están pendentes aínda arredor de dezasete revolucións, doce delas radicais. En Colombia viu pagar barcos mercantes de moitas toneladas cun simple cheque e observou como a poucos metros do lugar había nenos de seis anos sepultados no buraco sen fondo da droga. No Perú atopou na rúa prostitutas de doce anos. En todas partes encontrou, como di o poeta, a miseria cantando polas esquinas.

Ignoro cales son esas dezasete revolucións das que fala o meu amigo, pero a unha delas, a de Abimael Guzmán, o chamado Presidente Gonzalo do Perú, acaban de cortarlle unha das sete cabezas. É unha revolución radical, polo menos no que respecta aos principios en que se inspira, que son o marxismo-leninismo e o maoísmo, tres mastodontes ideolóxicos do noso século.

Tamén é unha revolución radical nos métodos: causou xa vinte e cinco mil mortos. O que sucede é que radicalismo, como sabe moi ben o meu amigo, non sempre é sinónimo de liberación ou eficacia. O Perú naufraga nunha miseria á cal non son alleas as accións dos revolucionarios de Sendero Luminoso. Un grupo de economistas acaba de valorar en números os estragos ocasionados por este grupo armado e chegaron á conclusión de que é superior á débeda exterior de Perú.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de setembro de 1992.