La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns anos, a noticia de que Fidel Castro acababa de morrer, chegou ás oficinas da CIA, nos Estados Unidos, e desde alí, rapidamente, ao despacho do presidente Clinton. Para avaliar a situación e tomar as medidas oportunas, os responsables da Casa Branca convocaron os encargados da seguridade do Estado, que se xuntaron nunha reunión de emerxencia. Cando estaban reunidos, Radio Habana trasmitiu un animado encontro de Fidel Castro cun grupo de periodistas mexicanos. Nese momento, todos os homes que se atopaban con Clinton quedaron mirando sorprendidos para o representante da CIA, como preguntándolle.

A noticia aparece agora nun libro de recente publicación nos Estados Unidos, escrito por un antigo espía que traballou durante moitos anos para a axencia central de intelixencia. Nas súas páxinas dáse unha das claves de grandes meteduras de pata como esta. Cando o xefe da CIA tivo que explicarse, consciente ou inconscientemente deu na diana: dixo que os espías só recollen informacións secretas.

Iso recórdame ao xefe dos espías suecos, que un día dixo no parlamento, durante unha das sesións sobre o asasinato de Palme, que os seus homes eran un desastre e que se perdían no metro de Londres ou no de París. Debe de ser certo, porque no libro citado, os espías americanos en Rusia ou en Irán non saben os idiomas locais. Eu pensaba que estas cousas só ocorrían nos países atrasados. Agora vexo que cando Julio V. Gimeno, o escritor ourensán, me contou que durante a guerra mundial fora recrutado pola Garda Civil de Celanova por un peso á semana e coa obrigación de prepararse lendo novelas de espías, o sistema español estaba moito máis adiantado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de setembro de 1999.