La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu vivía en Xinzo de Limia, alá nos anos da miña infancia e adolescencia, pasaba varias veces todos os días por diantes das grandes ventás do café Antela, moi cerca da miña casa. Polas tardes, pouco despois de comer, xa estaban alí, comodamente instalados arredor dunha mesa, dous sempiternos xogadores de xadrez: silenciosos, coa cabeza entre as mans e o xesto grave de quen ten moito que pensar. A calquera hora que volvese, pasase o tempo que pasase, eles seguían impasibles no seu sitio.

Era tal a afección daqueles homes, que as linguas máis aceiradas da vila adoitaban dicir que o extraordinario parecido que un deles acabou tendo co cabalo de negras se debía a unha especie de mimetismo por simpatía. Pola mesma razón, ambos se converteron en xente bondadosa, tranquilos coma as súas longas partidas.

Nos Estados Unidos nace agora a modalidade de xadrez rápido, no que cada xogador dispón de vinte e cinco minutos para liquidar o contrario. Trátase dunha versión destinada a interesar ao gran público, coa axuda da televisión. O día da inauguración, na que participou Kasparov, a sala estaba chea de executivos de Wall Street que querían aprender a xogar, mentres que o gran mestre ruso se interesaba máis ben polos negocios. Cada un vive a vida como pode, pero estou seguro de que os meus paisanos de Xinzo o pasaban mellor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de setembro de 1994.