La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai no metro de Nova York un anuncio que sobrecolle. Son dúas fotografías, co significado clásico do antes e o despois. Na primeira vese unha familia triste e pobre, presidida por un pai cochambroso, vivindo nunha casa miserable. Na segunda, aparece a mesma familia, pero agora feliz, todos ben vestidos, nunha casa preciosa e chea de luz. A felicidade afecta incluso ao pai, a pesar de que nesta fotografía está sentado nunha cadeira de rodas. Trátase do anuncio dun despacho de avogados especializados en accidentes, que se presentan a si mesmos como capaces de conseguir a maior cantidade de diñeiro posible para os seus clientes.

Este tipo de propaganda é moi frecuente e aparece tamén nos periódicos e na televisión. En xeral, está enfocada desde o punto de vista exclusivo do negocio, non dos dereitos das vítimas. A estas ofrécenlles diñeiro. Como divisa, os despachos exhiben as cifras maiores que conseguiron arrincarlle ao Estado ou a unha compañía privada, que nalgúns casos son fabulosas, de millóns de dólares. Algúns destes avogados preséntanse como especialistas. Por exemplo, vin un que se anunciaba para accidentes causados por buracos na beira das rúas. Outro ofrecía os seus servizos sobre corredores mal iluminados.

Algúns máis dirixíanse aos pais para que aproveitasen os trastazos dos nenos e ver de sacar uns dólares. Neste país o diñeiro non é un tabú, senón un signo que indica mérito, non sorte. Resulta curioso que esa filosofía se estenda aos accidentes, onde un pode ter a mala sorte de quedar paralítico, pero que estes avogados transforman no mérito de facerse millonario. Porque sería demasiado cinismo chamarlle sorte a iso.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de setembro de 1998.