La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, despois de comer, fomos dar un paseíño de cinco minutos ata a Casa de Conferencias de Wannsee, que queda aquí ao lado. É unha imponente mansión de cerca de dous mil metros, construída como residencia privada por un poderoso industrial alemán a primeiros de século, situada á beira do lago e rodeada por un xardín de máis de trinta hectáreas, completamente cheo de árbores. Ao principio, tanto a casa como o lugar producen de forma natural unha impresión agradable e tranquila, case idílica.

Deseguida, cando un avanza polo xardín en dirección á porta de entrada, o corazón empeza a encollerse. Conforme un se vai achegando máis, toda a casa adquire de súpeto un aspecto tenebroso. A elegancia da fachada e das fiestras, a graza mesma do porche deixan de parecer fermosos e acaban por meter medo.

O día 20 de xaneiro do ano 1942, como xa comentei o outro día, xuntáronse aquí os máis altos dirixentes das SS e acordaron a eliminación dos xudeus. Na sala de conferencias están as súas fotos: Heydrich, Meyer, Stuckart, Eichmann… De algúns xa deu conta a xustiza; outros morreron de vellos; dous deles aínda viven. Debían traelos aquí e situalos diante das fotos horrendas das súas vítimas. ¿As fotos, digo? Se nin sequera se deixaron conmover por aqueles rostros cando tiñan vida.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de setembro de 1993.