La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No artigo de onte, no que falaba da miña experiencia como correspondente deportivo do diario Ya diante da selección española de fútbol, cando esta se concentrou en Santiago para preparar o campionato mundial que se ía celebrar en Inglaterra, tróuxome á memoria algúns episodios que tiña case esquecidos. Recordo sobre todo a historia que me sucedeu naqueles días cun xogador moi famoso naquela época, verdadeiro ídolo da afección, ao cal entrevistei para o citado periódico. Era un home que se expresaba con corrección, afeito a falar diante dos micrófonos, aínda que era sabido que se trataba dun rapaz de orixe humilde, sen formación nin estudos.

Iso polo menos foi o que me contou un dos seus admiradores, Francisco Taboada, que entón estudaba medicina en Compostela e que na actualidade é médico non sei onde. Tiña tantas ganas de coñecer o futbolista dos seus soños que me pediu que, o día que me tocase entrevistar aquel célebre xogador, o levase comigo ata o hotel onde se atopaba concentrada a selección, para poder velo de preto.

Despois de vivir un suceso dramático, cando vimos unha señora tirada no chan, na Rúa Nova, onde fora asasinada un par de minutos antes, chegamos ao bar do hotel, que era o lugar no cal eu citara o futbolista que ía entrevistar. Intercambiadas as primeiras preguntas e respostas, estivo moi simpático, falando cunha voz grave que parecía darlle autoridade ao que dicía. De pronto, cando lle preguntei cales pensaba el que ían ser as dúas seleccións que xogarían a final, respondeume: “Dos grandes países hispanoamericanos, Brasil y Hungría”. O peor de todo foi que nos deu a risa e que tivemos que disimular e que disimulamos moi mal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de setembro de 1999.