La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días, lendo o serial sobre a posguerra que se está publicando como suplemento do periódico, seguindo as peripecias de maquis e guerrilleiros, estanse revolvendo na miña memoria historias e persoas que tiña case xa borradas. Acórdome, por exemplo, da casa de Epifanio, alá en Sabucedo, no reborde alto das terras da Limia, que un día queimou a Garda Civil e que eu vin arder desde lonxe pensando nas mazás e as cereixas que me daba o seu dono, coñecido tamén polo Seisdedos.

Salpicadas aquí e alá nas conversacións dos maiores eu ía aprendendo as razóns daquelas cousas. Enfiando palabras e silencios conseguín saber que a casa do Epifanio servía de refuxio aos do monte e que estes conseguiran fuxir no último instante, xusto uns minutos antes de que os gardas lle fixesen o cerco, para ir queimarlle en respresalia a casa ao cura de Couso, case na raia de Portugal.

Anos máis tarde coñecín, tratei e fíxenme amigo dun dos homes que estaba escondido naquela casa, Camilo Dios, actualmente residente en Sandiás e unha das memorias vivas daqueles tempos. É un homón alto e loiro, aínda novo, que merecería ser protagonista de calquera novela sobre a época. Con el aprendín a outra metade da historia. Nela hai, como na metade de aquí, actuacións criminais, pero tamén nobreza, ilusión e xenerosidade. Destas últimas está aínda feita a luz azul dos ollos de Camilo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de setembro de 1992.