La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha das cousas nas que me entreteño aquí, polas mañás, é na lectura do periódico, especialmente cos asuntos do Presidente e os líos nos que anda metido por culpa dos seus pecados. Non é que me interese a historia en si, senón a convulsión que está creando na vida política americana. Onte, por exemplo, un dos senadores que teñen sido máis duros con Clinton, Dan Burton, avisaba aos seus electores de que hai unha revista que vai publicar unha reportaxe escandalosa contra el. Parece que o aviso non lle vai servir de nada. Polo visto, a este campión da decencia pública acaban de collelo ben collido nas patacas.

Segundo contaba onte The New York Times, en Washington, entre a clase política, que aquí está formada por non poucos tiburóns de pel de aceiro, empeza a haber medo. Moitos dos senadores que máis falaron do mal exemplo do Presidente e que reclamaron a necesidade de poñer en primeiro plano os valores da familia, teñen unhas vidas privadas bastante calamitosas.

Vese que os tiburóns de Clinton empezaron a investigar as biografías dos seus adversarios e que vai haber sangue para todos. O espectáculo é fascinante, porque todo isto naceu aparentemente dun problema moral e estase convertendo nunha charca. Eu confeso que sinto unha especie de debilidade invencible polos hipócritas. Quero dicir que me encanta velos predicando en voz alta, pois desde ese mesmo momento empezo a imaxinar qué estarán ocultando. Entendo que non sexan xenerosos cos pecados dos demais, pero non que sexan imprudentes. Como dicía onte alguén no periódico: “Quen vive en casa de cristal non debe tirar pedras”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de setembro de 1998.