La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ese amigo do que falei onte aquí, que andou fuxido no monte ata que o colleron en Ourense nun tiroteo que tivo lugar nas inmediacións do cuartel de San Francisco, botou anos no cárcere, despois de que lle conmutasen a pena de morte por ser menor de idade.

En prisión, mentres agardaba o indulto, bateu cun cura malo, que cada vez que pasaba por diante da cela dicía en voz alta o nome do preso para que este mirase, momento que o crego aproveitaba para levar as mans á altura da gorxa e facer un xesto expresivo respecto do futuro que lle desexaba.

Xa antes desta experiencia desgraciada, un día, cando fuxía dun cerco, arrastrando unha perna rota, o meu amigo tratou de esconderse no camposanto dunha aldea, entre as pedras dunha obra. Apenas atopara refuxio, apareceu o párroco na porta da reitoral, escopeta en man, e emprendeuna a tiros con el. Eu coñecín o tal abade, co que me levaba ben, e quero pensar que aquilo que fixo foi máis por bruto, que o era bastante, que por ruín, que non mo parecía. Anos despois, segundo me comentou o meu amigo, tomaron un vaso xuntos e falaron do incidente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de setembro de 2000.