La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O domingo pola mañá, en vez de facer a tertulia en Baiona, fomos a Panxón. Sentámonos nunha terraza, aproveitando que ía bo tempo, e estivemos de palique ata a hora de xantar. Moita da xente que pasaba, ao recoñecer a Torrente, sinalaba co dedo ou facía comentarios. Os máis atrevidos achegábanse a saudar, só para confesarlle ao escritor a súa admiración e o seu cariño. El, case dun xeito rutinario, dicíalle a todos que xa está moi vello ou que sente que as pernas non lle responden ben.

Entre os que se achegaron, houbo un almirante, que foi alumno de Torrente no instituto de Ferrol. Tamén se presentou unha nena moi guapa, Elena, que traía un papel para que lle firmase un autógrafo. Outra rapaciña, igualmente bonita, viña cunha libreta para o mesmo, aínda que desta última non recordó como se chamaba.

Un can lanudo, duns amigos que pasaban, serviu de pretexto para que o novelista recitase uns versos de Góngora dedicados a un exemplar da mesma especie. Así que a tertulia converteuse hoxe nunha homenaxe espontánea de admiradores, persoas que non teñen inconveniente en confesar de forma desinteresada a súa devoción por un home que lles terá regalado moitas horas de lecer. O curioso é que, en vez de presentarse elas, mandasen os fillos. No ceo da gloria literaria de Torrente non podían faltar os anxos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de setembro de 1997.