La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os afeccionados ao cine recordarán aquela escena dunha película de Fellini na que un home se quere suicidar na cociña da súa casa polo procedemento insólito de meter as mans na boca e desencaixar a mandíbula, como tratando de separar a pelo e pola forza a metade de abaixo da metade de arriba. Por suposto que se trata dun suicidio con dedicatoria, é dicir, desa clase que consiste en anuncialo en voz alta diante daqueles contra os cales se perpetra, a fin de que impidan que se leve a cabo. Dese mesmo tipo debeu ser o intento de suicidio de Jorge Luis Borges, o escritor arxentino nacido hai agora cen anos, de quen se celebra estes días o aniversario.

Polo visto, o escritor quíxose suicidar nun hotel de Madrid, alá polo ano 1982, nun momento de depresión. O procedemento elixido foi bastante raro: encher a bañeira de auga quente, case fervendo, e logo meterse dentro para escaldarse como quen pela un polo. Loxicamente, non conseguiu outra cousa que queimar un pé, o primeiro que introduciu no baño, pois saíu pegando berros de dolor e pedindo auxilio.

Este episodio certo retrata bastante ben a personalidade dun home raro, sen sentido práctico de ningún tipo, que unía á súa condición de escritor xenial a característica de ser ao mesmo tempo un individuo atrabiliario, algo infantil, capaz de rir coma se fose bobo. Estes días, ninguén di del máis que eloxios, pero en vida non houbo tanto consenso nin unanimidade. Agora, a polémica que o rodeaba está centrada na figura de María Kodama, unha muller corenta anos máis nova ca el, coa que casou antes de morrer, da que moita xente pensa que foi unha aproveitada. A verdade, resulta máis fácil pensar que simplemente estaba namorada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de agosto de 1999.