La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día ceamos cuns amigos, sueca ela, el madrileño, que teñen unha casiña de vacacións no val de Tebra. Veñen desde Madrid todo canto poden, e poden sempre con seguridade na Semana Santa e no verán. Os dous están de acordo en que cando se xubilen, dentro duns anos, vivirán aquí de maneira permanente. A ela, isto recórdalle a Suecia incluso nun aspecto que a min me deixou sorprendido: que as cousas funcionan bastante ben. Hai tendas por todas partes, as estradas son cada vez mellores e a xente parécelles amable. Ademais de todo iso, está o clima: nin calor abafante nin frío intenso, un xusto pasar que se parece ao ideal.

Confeso que esta amiga da que falo é unha das poucas suecas que coñezo, das que viven neste país, que non fala mal del. Tratándose dunha muller culta, intelixente e refinada, a súa actitude ten máis valor. Naturalmente, coñece de que pé se coxea por aquí, pero da mesma maneira que coñece por que lado renquea a súa patria de orixe. De ambas as dúas terras, cando lles fai a crítica, non deixa de rir.

O seu home, fillo dun ilustre intelectual nacido en Aragón e dunha profesora sevillana, veu a Galicia por primeira vez hai moitos anos, cando era neno. Daquelas vacacións recorda ao seu pai falando en serio con Xavier Zubiri e á súa nai coñeándose amablemente de tanta filosofía. Desde entón, quérelle tanto a este país que, cando volve a Madrid, enche as paredes da casa das fotografías que fai por aquí. Desde hai uns meses, segundo nos contou o outro día, está feliz. No servizo hospitalario onde é médico ten de compañeira unha rapaza de Vigo. Pregunteille como era. A resposta foi: “Para min é como se tivese o verán alí todos os días”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de agosto de 1998.