La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Eu non sei o que puido facer Harry Wu, un chinés que pasou dezanove anos internado en campos de concentración no seu país e que acaba de publicar un libro nos Estados Unidos contando a súa experiencia. Tampouco me importa. A acusación oficial foi que se trataba dun “dereitista”, unha etiqueta que non significa outra cousa que o citado señor non debía ser persoa afecta ao sistema, nada máis. Supoño que se fose un delincuente, un asasino ou un criminal, sería designado cun rótulo bastante menos impreciso que este que lle puxeron.

Respecto das penurias que pasou nese tempo de infortunio, non son difíciles de imaxinar, pois xa sabemos en que consisten. Deixando a un lado os castigos corporais e outras cargas dese tipo, este home viuse obrigado a comer sapos, patas podres de coello, ratas e ratos… Para facerse unha vez máis unha idea do horror, con iso abonda.

Pero non é todo. Cando Harry Wu conseguiu un permiso temporal para visitar a súa familia, once anos despois do seu arresto, ao petar na porta da casa, atopouse cunha irmá que lle pediu a documentación para comprobar se os papeis estaban en regra e que logo foi chamar a policía co fin de confirmar que non había ningunha trampa ou falsificación. Hai que dicir que a familia consideraba a Harry Wu un descarreirado, ao que acusaba de querer levar unha vida burguesa. Probablemente só quería ter unha irmá que lle dese un bico.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de agosto de 1995.