La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No ano 1931, Stalin mandou derrubar a catedral de Cristo Redentor para erguer, sobre o solar que o citado templo ocupaba desde o século XIX, o palacio dos Soviets, unha mole de máis de trescentos metros de altura rematada cunha estatua de Lenin de outros cen. Non sei por que razón, aquel proxecto faraónico nunca se levou a cabo. Finalmente fíxose algo bastante máis modesto, unha piscina. Pero pouco despois da caída do réxime comunista, a catedral volveuse reconstruír e custou uns douscentos millóns de dólares, que pagou case enteiros o goberno.

Eu estiven visitando a nova catedral recentemente, na miña última viaxe a Moscova. Estaba chea de fieis, persoas educadas no ateísmo desde a súa infancia. Pareceume un símbolo transparente da inutilidade e o fracaso dun sistema que teoricamente naceu para facer a xente máis feliz e que en realidade encheu o país de desgraciados. Entre eles, eses rapaciños que xacen no fondo do mar, atrapados nun submarino. Incapaces de seren salvados pola técnica dos seus xefes, onte quedaron en mans do patriarca Alejo, que rezou por eles na catedral reconstruída pedindo un milagre.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de agosto de 2000.