La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha amiga francesa que está veraneando en Panxón, Louise Roux, dime que non soporta esa nova maneira de matar moscas que consiste en asalas nuns aparatos electrónicos que agora se ven en moitas cafeterías e restaurantes, e que cada vez que atrapan unha vítima desprenden un ruído característico, como de carne queimada, que resulta tan desagradable como se un presenciase no inferno os tormentos dos condenados.  Aínda que as moscas a min non me son simpáticas, non obstante estou de acordo coa miña amiga.

As diferenzas na discusión xorden cando ela defende aquelas vellas tiras de papel que se penduraban do teito e que funcionaban cunha especie de pegamento no que os pobres bichos quedaban prendidos polas patas. Ademais do espectáculo en si, que tiña un aire triste de miseria guarra, supoño que debía ser bastante cruel.

Outro amigo presente na conversa infórmanos de que o último procedemento para loitar contra as moscas xa non consiste en asalas, senón en meterlles medo. Trátase, polo visto, dun invento venezolano. A cousa, tal como nola explicou, depende dunha bolsa de agua que se colga no medio dun cuarto e que actúa como un espello que agranda, ata convertela nunha imaxe monstruosa, a cabeza das moscas. Estas, asustadas de si mesmas, foxen espavorecidas. Se non morren do susto, non está mal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de agosto de 1994.