La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven lendo un informe que recolle as declaracións de distintos automobilistas implicados en accidentes de tráfico. Unha  boa parte deles explican o suceso desde un punto de vista máxico. Por exemplo, un que asegura: “Un coche invisible saíu da nada e desapareceu”. Outro di: “Cando cheguei ao cruzamento, apareceu de pronto un stop que antes non había e non puiden parar”. Un terceiro afirma: “Estiven todo o día comprando plantas e cando cheguei ao cruzamento, un arbusto xurdiu de repente e non puiden ver o coche que viña”.

A ese mesmo capítulo pertence a declaración dun señor que dixo que viu “como un poste se ía achegando cara a min e cando fixen unha manobra para apartarme do seu camiño, choquei frontalmente”. Ás veces, a culpa é dos peóns, como no seguinte caso: “O peón chocou contra o meu coche e acabou meténdose debaixo”.

O dos peóns culpables é bastante frecuente: “O peón non sabía en que dirección coller, así que lle pasei por riba”. A culpa tamén pode ser dunha mosca: “Tratando de matar unha mosca, choquei contra un poste de teléfonos”. Ou dunha señora: “Saquei o coche da beira onde estaba estacionado, mirei a miña sogra e fun de cabeza polo terraplén”. Ou dunha urxencia: “Parei por unha urxencia fisiolóxica, metinme entre unhas xestas e cando estaba cos pantalóns baixados, veu o contrario e deume por detrás”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de agosto de 1997.