La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día pedíronme que definise a maldade. Non fun capaz, pero acordeime da novela O primo Basilio, de Eça de Queirós, onde hai un personaxe perverso, a criada de Luísa, que somete a esta a unha chantaxe dunha ruindade refinada, todo porque sabe do adulterio da señora co seu primo. Trátase, sen embargo, dunha maldade negra, nacida nos abismos escuros da alma, como se fose o arroto dunha víbora ou dun sapo. Como tal, produce noxo e esperta sentimentos de desprezo. Pero a maldade non sempre é tan mala.

Poñerei outro exemplo. Un día, unha señora presentouse no estudio dun pintor coa intención de que este lle fixese un retrato. Non lle impuxo condición, a non ser que lle pintase unha diadema de diamantes e outras pedras preciosas, así como un colar igualmente fastuoso. Rematado o traballo, o artista quixo saber a razón daquel capricho e obtivo a seguinte resposta: “É para que os meus fillos se pelexen entre eles, despois de morta, buscando unhas xoias que non existen”. Maldade pura, pero salvada pola graza cínica da intelixencia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de agosto de 2000.