La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A poucos santos lle recei eu máis na miña vida que a santa Mariña de Augas Santas. En primeiro lugar porque é a patroa da miña vila; en segundo, porque na biografía dela que nos lían na escola había unha frase que me parecía impoñente: “Pensaba el impío pretor romano que podía burlar la voluntad de Dios”. Por último, porque eu mesmo vin, na aldea que leva o seu nome, o buraquiño minúsculo por onde saíu do forno onde a meteron para queimala e a orella que deixou impresa nunha pedra para refrescarse.

Revolvendo entre os libros antigos da feira que se está celebrando estes días en Vigo, descubrín un tomiño titulado Santos que no fueron, no que se asegura, paréceme ademais que con argumentos ben fundados historicamente, que a santa da miña parrroquia, á cal tantas avemarías lle mandei, non figura no santoral.

Non me preocupa que se perdesen esas oracións, pois supoño que no ceo haberá algún santo ou anxo encargado de resolver este tipo de extravíos, senón un problema máis complicado. Resulta que un ano presenteime a un exame de matemáticas sen ter estudado practicamente nada. Como último remedio, xa diante do papel branco, recorrín á santa. Ata agora, sempre lle atribuíra a ela un aprobado que consideraba de orixe sobrenatural. Despois do que lin onte, gustaríame saber quen foi o artífice daquel milagre.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de agosto de 1994.