La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En case todas as fotografías, Miquel Barceló sae con cara de neno, por máis que xa non sexa exactamente ningún rapaz. Como moitos pintores, viste unha especie de uniforme persoal no que se percibe sen esforzo unha descoidada elegancia na elección da roupa e o calzado. É o froito desa preocupación estética e desa singularidade que con frecuencia marcan a diferenza cos demais e que, en xeral, tanto lles gustan aos artistas. Indumentaria e figura son, polo tanto, un capítulo importante na vida deste home.

Por suposto, non tan importante como os seus cadros, se un xulga polo éxito internacional que desde hai tempo acompaña a este pintor mallorquín, hoxe unanimemente eloxiado polo público e a crítica, o mesmo en París que en Nova York. Digamos a este respecto que un forma parte tamén dese grupo, é dicir, que a pintura de Barceló nos parece unhas das máis fermosas de cantas hoxe se fan no mundo.

E paremos aquí, sen dar un paso máis. As declaración que fixo o outro día na Magdalena, en Santander, con opinións rotundas sobre economía e política internacional, carecen de interese e podemos pasar sen elas perfectamente. Vese ben que Deus non o chamou polo camiño da reflexión teórica nin vai contar co seu concurso para elaborar o guión do universo. Diralle que pinte o decorado, incluso que actúe no escenario. Ao pintor vese que lle gustaría escribir o drama.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de agosto de 1993.