La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O día que chegamos a Praga, no autobús que nos trasladou desde o aeroporto ata o hotel, situado no mesmo centro da cidade, déronnos unha serie de informacións sobre o país. Entre outras cousas dixéronnos que, en xeral, os checos non eran demasiado amables. A min non me gusta que a xente, aínda sen mala intención, como era o caso, fale de “os checos”, “os alemáns” ou “os españois”, porque iso non existe. Hai simplemente checos, alemáns e españois, o cal significa que baixo a citada categoría se agrupan persoas de todos os tipos.

O outro día, mentres paseabamos pola cidade, batemos de fronte cun barrendeiro pequeno e gordo que se puxo a despotricar en voz alta contra nós, quizais porque se sentía incordiado no seu traballo, e berraba ademais nun ton desagradable, como se ladrase. Por uns instantes veume á cabeza a idea de que, tal como nos advertiran, os checos non son amables. Tiven que facer o esforzo de ver naquel home a un individuo, non a unha nación enteira. Despois
pola tarde, coñecín nunha tenda a un checo encantador.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de agosto de 2000.