La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Teño un parente en Suecia que levaba tempo buscando a tumba do seu pai, morto en Suíza hai xa bastantes anos. O morto foi un grande aventureiro. Durante a Segunda Guerra Mundial, cando era piloto da RAF, foi abatido polos alemáns, pero conseguiu saltar en paracaídas, con tanta sorte que, ademais de salvar a vida, caeu nun xardín do sur de Suecia, nunha casa onde vivía unha rapaza loira, rica e bonita. Daquela unión, que acabou en divorcio, naceu un rapaz, o mesmo que andaba buscando a tumba daquel home.

Atopouna hai uns meses, por casualidade, nun fermoso cemiterio, á beira do lago Leman, nas aforas de Lausana. Non era máis que un montonciño de terra e unha cruz de madeira caída no chan, sobre a que puña simplemente Quigly. O fillo regresou a Suecia, encargou unha lápida e volveu a Suíza para depositala no seu lugar.

Cumprido o obxectivo, quedou mirando para o lago, esperando un sinal. Conformábase con pouco: un paxariño que se pousase na cruz, unha nube que tapase o sol, mesmo o renxer da cancela do camposanto… Non ocorreu nada e meteuse no coche algo decepcionado. Entón, soou o teléfono. Era a súa muller, que lle dixo que acababa de recibir unha chamada rara, dunha señora que se identificou como a compañeira que tiña o seu pai cando morreu, e que o quería coñecer. Non se podía esperar menos dun aventureiro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de agosto de 1995.