La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Dicía un cura de Ourense, profesor de Relixión alá nos anos cincuenta, que o verán era o inverno das almas. Supoño que se refería a aqueles pecados que había antes, relacionados coa pouca roupa que levaban as mulleres, maiormente nas mangas, porque no resto andaban acoirazadas. Os homes, en cambio, non tiñan ese problema, pois a parte de que os seus brazos nunca foron obxecto de concupiscencia, que se saiba, utilizaban sempre pantalóns. Agora hai tempo que cambiaron as cousas e os pecados cométense durante todo o ano. Nisto ocorreu o mesmo que sucedeu cos xeados, que se comen incluso no mes de xaneiro, cando vai frío.

Onte comentaba eu aquí iso que sucede cos tolos nos días de vento e cos paxaros nos días de calor forte. Penso que había que engadir outro dato máis, ou sexa, que o verán pode ser unha época excelente para vivir, pero non tan boa para pensar. Ignoro se esta observación ten valor científico, aínda que me dá a impresión de que as cousas son así: é máis fácil escoitar bobadas coa calor que co frío.

Hai un par de horas, por exemplo, estiven oíndo na radio un señor indignado polo mal uso que fan das tatuaxes os rapaces de agora. Era un antigo lexionario. Dicía que ese tipo de adornos gravados na pel tiñan antes un sentido heroico, incluso patriótico, pero que na actualidade están convertidos nunha trivialidade estúpida.  Referíase aos motivos e á abundancia: dragóns, flores, paxariños, moscas, bolboretas. Confeso que me sorprendeu que condenase este tipo de temas. Entendín todo mellor cando aclarou que levaba tatuado nun brazo o Santo Sudario. O que está por ver é se no tempo do frío este señor pensará con máis pertinencia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de agosto de 1998