La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven na Feira do Libro Antigo revolvendo nas estanterías das distintas casetas coa esperanza de que se producise, non un milagre, que cada vez resulta máis difícil, senón unha pequeña alegría, que tampouco parece fácil. Mentres buscaba, oía o que dicía a xente. Por exemplo, escoitei unha señora que preguntaba se había unha biografía da princesa Diana de Gales e a un señor que quería saber se era posible atopar as obras completas de José Antonio Primo de Rivera. Non había ninguna das dúas cousas.

Por suposto, encontrei algunhas pequenas marabillas, pero tan fóra de prezo que foi igual que se non as encontrase. Curiosamente, ese mesmo día escoitei na radio ao escritor Joan Perucho, bo amigo meu, falando dalgunhas xoias que ten na casa, todas conseguidas por unhas cantidades que hoxe xa non son posibles.

Aínda así, fíxenme con algúns libros interesantes. Por exemplo, grazas ao poeta Ramiro Fonte, que me alertou, merquei un precioso Sherlock Holmes editado por Prometeo a principios de século. É o primeiro dunha serie de nove títulos que me gustaría ter, pero que supoño non serán fáciles de conseguir. Xa fixen alguna chamada telefónica pedindo auxilio. Agora empezará unha actividade desacougada de moito tempo, ata que os consiga todos. É dicir, que xa teño unha ilusión para os próximos anos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de agosto de 1996.