La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte esperaba unha visita ás cinco da tarde, pero comín fóra cuns amigos, fixemos tertulia ata preto das sete e esquecín completamente a cita. Total, un plantón de máis de dúas horas, a fama de informal que un vai gañando a base de accións como esta e o mal momento que se pasa ao ter que dar unha explicación imposible. Non era cousa de contarlle á miña víti- ma que a salsa dos chipiróns, na que mollamos pan e fixemos sopas, estaba magnífica e que a conversa xustificaba este pecado, incluído este que eu cometín.

Tampouco lle ía explicar ao señor a quen fixen esperar durante tanto tempo que Torrente Ballester estaba espléndido de memoria e de humor, e que contou algunhas historias divertidas, como o día que o levaron a firmar á feira do libro, situárono detrás do mostrador da librería e achegouse un neno a pedirlle dez pesetas de pipas.

E que Juan Cruz, escritor e editor, que traía consigo dúas mozas intelixentes e guapas, por suposto, contou un pecado, ese que todos sabemos, de don Marcelino Menéndez Pelayo, cliente regular de lugares que non será necesario citar de maneira máis explícita. É dicir, que o sentín moito polo señor da espera, pero hai cousas na vida, como esta de falar tranquilamente cos amigos, polos que un está disposto a ir ao inferno dos irresponsables. Por certo, un sitio no que os demos se deben esquecer de acender o lume.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de agosto de 1994.