La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Recordo unha noite, na fermosa terraza dun hotel do centro de Caracas, cando de pronto escoitei unha traca ou unha serie de foguetes que estralaban preto de alí, a escasos metros do lugar onde ceabamos un grupo de amigos, baixo a luz romántica dun par de velas acendidas. Foi o camareiro o que nos sacou do noso erro: non eran bombas de palenque, das que se usan nas festas como símbolo de alegría, senón tiros, dos que se disparan para matar xente, como mostra de barbarie e instinto asasinos. Logo soubemos que había mortos.

Onte pola tarde, mentres circulaba no coche, fun escoitando un programa que consistía en emitir uns ruídos previamente gravados do natural, que os ouvintes tiñan que identificar. A maioría dos que chamaban pensaban en verbenas, incluso as persoas maiores. A ninguén se lle ocorreu dicir que eran disparos de arma antiga, pero disparos despois de todo. A min gustoume esta inocencia inculta, semellante á miña de Caracas, de confundir tiros con foguetes. Oxalá prolifere esta magnífica ignorancia.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de agosto de 2000.