La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Aínda que poucas persoas saben o nome de Rahima Banu, esta muller nacida nunha aldea de Bangladesh hai vinte e sete anos, da que hoxe ninguén sabe onde vive nin que fai, ten un lugariño na historia. Ela foi o último ser humano en padecer a enfermidade das vixigas, iso que en castelán se chama “viruela”, que só no século XX matou máis de trescentos millóns de persoas. Desde entón, é dicir, desde outubro do ano 1975, virus procedentes do corpo desta rapaza, gárdanse en dous laboratorios, un situado en Atlanta, nos Estados Unidos, e outro na localidade rusa de Novosibirsk, en Siberia. Fóra de aí, oficialmente non existen máis virus. Trátase dunha piadosa mentira.

No ano 1989, os servizos secretos británicos advertiron a Margaret Thatcher de que os soviéticos tiñan misiles que apuntaban a distintas cidades do Reino Unido e Estados Unidos, cargados co virus das vixigas. A primeira ministra, completamente furiosa, chamoupor teléfono a Gorvachov, que invitou en segredo a unha comisión americanobritánica de biólogos.

Os expertos quedaron horrorizados cando viron o que viron:toneladas de líquido dispoñible para ser utilizado, co material biolóxico manipulado para facelo máis agresivo. Comprobaron ademais o fácil que resultaba roubar un frasquiño e sacalo do laboratorio para vendelo a calquera grupo terrorista. Desde entón, sábese, para que todo sexa aínda peor, que hai varios países que dispoñen desta arma terrible. As cousas chegaron ata tal extremo que nos Estados Unidos pensan vacinar de novo a poboación contra unha enfermidade que xa non existe. Os que acabaron con ela, que Deus os acolla no ceo. Os outros, que o demo os morda mil anos no rabo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de xullo de 1999.