La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O luns pola mañá, cando me dispuña a ir ata A Ramallosa para recoller a Torrente Ballester e achegarnos a Baiona para facer a tertulia de cada día, souben que o levaran ao hospital de madrugada. Na casa xa me aclararon que non era nada importante e quedei tranquilo. A verdade é que o sábado comera con el e coa súa familia na casa da Romana, sentados no xardín, e comeu ben, estivo animado e non tiña aspecto de encontrarse mal. Pouco antes, durante o aperitivo, estivemos xogando con Rodrigo, un dos netos, a dicir palabras que empezaran por “m”, que era a letra que o neno levaba gravada na gorra que lle cubría a cabeza. Dixemos varios centos.

A verdade é que desde entón non o volvín ver. Son do parecer de que nos hospitais non convén dar a lata e menos cando unha persoa ten que estar sometida a observación. Así que sigo a evolución a través do teléfono, sei que todo vai ben, e espero que o querido e vello amigo se restableza pronto, que aínda nos queda moito por falar. Supoño que de aquí a uns días volveremos a Baiona.

Polo que me van contando e polas chamadas que eu mesmo recibo, noto a preocupación da xente polo escritor. Todo o mundo lle quere ben. Unha señora coa que apenas teño trato preguntoume onte se lle podía mandar un ramo de flores ao hospital. Eu desas cousas non entendo, pero supoño que si, pois parece que se trata dunha forma máis de demostrarlle afecto. Se eu lle tivese que mandar algo, mandaríalle unhas bafaradas de fume do puro que fumei onte despois do xantar. Ás veces, el pide iso, só o cheiro, e eu procuro compracelo. Polo tanto, desde aquí, querido Gonzalo, aí vai iso. E que non saiba disto o médico.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de xullo de1998.