La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non recordo ben se foi o Roncollo ou o Patita, pois pasaron xa moitos anos e a memoria empeza a moverse entre bancos de néboa, pero calquera daqueles dous rapaces atopou un día un billete de cen pesetas diante do comercio de Manolito Romero, na estrada de Baronzás, e foillo entregar ao mestre na escola. Aos nenos, aquela cantidade de diñeiro parecíanos unha fortuna. Medida en horas de cine, daba para ver cerca de oitenta películas. Se a referencia fosen caramelos, por exemplo, a cifra resultante resultaría astronómica.

Naturalmente, o trazo foi eloxiado como sen dúbida merecía e serviu para que aquel día nos desen unha lección sobre a honradez, unha virtude que debiamos cultivar para converternos o día de mañá en persoas de proveito. A cara de satisfacción do protagonista traducíase no xesto infantil de sacar a lingua e sorrir timidamente.

Onte, durante unha cea, falouse deste bo costume de antes e citáronse algúns casos ocorridos ultimamente. Eu acordeime dunha amiga que, aínda hai pouco, foi comprar unha ducia de copas de cristal e ao chegar á casa atopouse coa sorpresa de que lle deran unha máis por confusión, pois non lla cobraran. Entón colleu o coche e volveu á tenda para devolver o que non lle pertencía. Quedou asombrada da alegría que provocou no empregado que a atendera, marabillado polo xesto. Ela non se atreveu a dicirlle que o fixera porque é supersticiosa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de xullo de 1995.