La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai xa bastantes anos, despois de escoitar un disco de Gérard Philipe recitando fragmentos de Le petit prince, de Saint-Exupéry, decidín traducir esa obra ao galego. Foi un dos traballos literarios que máis paixón espertaron dentro de min. Recordo moi ben as longas noites de inverno nun pequeno hotel en Viana do Bolo escribindo e reescribindo parágrafos, buscando palabras e comparando traducións.

Despois dediqueime a coleccionar traducións do mesmo libro a outras linguas e fun adquirindo cantos traballos atopei sobreo seu autor. Unha tarde quente dun mes de verán, a casualidade quixo que un crego de Ourense, emigrante en Francia, me presentase a monseñor Montdesert, bispo auxiliar de Lyon e fillo dun profesor de Saint-Exupéry, o mesmo que o bautizara co alcume alusivo ao seu nariz de Pique-la-lune. A conversa foi longa e ilustrativa para min.

Agora leo que unha empresa que fabrica champán vai financiar unha expedición destinada a buscar os restos do avión de guerra que pilotaba o escritor francés o día 31 de xullo do ano 1944, cando desapareceu fronte ás costas de Niza. Non é seguro que apareza nada, pero a empresa merece xa todos os parabéns. A decisión é fermosa e romántica. ¡Que non daría Consuelo, a muller salvadoreña de Saint-Exupéry, por asistir a este momento, coa esperanza que non tivo durante os anos que sobreviu ao seu home, ela que botaba tanto de menos un lugar onde depositar de cando en vez un ramiño de flores!

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de xullo de 1992.