La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte falei aquí desa preciosa cámara Leica que merquei en Moscova. O que non contei aínda foi que as cámaras antigas son unha das moitas debilidades que padezo, non sei se por algunha reminiscencia infantil ou por algún capricho inconsciente de rapaz mal criado. O caso é que o outro día, ao pasar o arco detector de seguridade do aeroporto de Berlín, o policía que controlaba por escáner os maletíns de man, descubriu sorprendido que eu transportaba once cámaras, todas mercadas en tendas de segunda man en distintos países do Leste.

O home debeu quedar tan estupefacto que me pediu que as sacase. Ao velas en fila, como escandalizado, chamou o seu xefe, que se presentou deseguida. Este, despois de compoñer un xesto igualmente asombrado, preguntoume que ía facer con elas. Conteille a verdade, que as quería só para miralas. Botouse a rir e díxome que podía pasar, non sen antes eloxiar algúns dos exemplares. Logo díxome: “Que as poda mirar moitos anos”. Aínda non sei se me fixo un favor ou se simplemente era tamén afeccionado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de xullo de 2000.