La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando era neno, Ramón Piñeiro estaba desconcertado coa idea de que unha locomotora puidese andar de seu, tal como lle aseguraba seu pai, sen ser arrastrada por bois ou cabalos. A razón desta obsesión tiña que ver co feito de que el, que vivía na aldea, non coñecía outros vehículos que os de tracción animal. Un día, na escola, púxose a pintar no encerado unha máquina de tren vista por dentro, da mellor maneira que a podía imaxinar. Cando o mestre descubriu o debuxo, díxolle: “Ti vas ser deses que inventan a pólvora”.

A brutalidade do profesor contrastaba coa delicadeza proverbial de Ramón. Un día atopeino parado na rúa, no centro de Santiago, mentres escoitaba pacientemente, con bondade franciscana, un señor que tiña a teima de ser inventor de cousas raras, entre elas, un aparato para pasar as páxinas dos libros sen usar as mans.

Este tipo de inventores adoitan ser boa xente: non piden máis que uns minutos de atención para expoñer o que eles consideran ideas xeniais e que non pasan de ser disparates, xeralmente concibidos con bastante enxeño e doses non pequeñas de loucura pacífica. Eu coñezo un señor que foi editor en México e testamenteiro de León Felipe, que pretende ser o inventor do futbolín. Sempre que lle conto isto aos amigos, pasada a primeira sorpresa, prodúcese unha especie de escepticismo xeral. Si, pero alguén o tivo que inventar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de xullo de 1995.