La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola tarde, cando viña do carpinteiro de facer un recado, un home miroume con cara de odio. Estaba eu facendo unha manobra co meu coche para dar a volta e volver para a casa, cando pasou el no seu e sentiuse ofendido, probablemente porque tiña razón. Entón miroume coma se quixese fulminarme coa mirada e dixo algúns insultos, que polo movemento dos labios eran fáciles de identificar. Un deles, con total seguridade, foi “burro”; o segundo non o entendín ben, pero debía ser algo semellante, quizais “animal”. O terceiro, de maneira inequívoca, foi o clásico, ese tan común no fútbol contra os árbitros, e que non vou reproducir aquí.

Estou convencido de que, se en vez de ser un asunto menor de tráfico, como foi en realidade, se tratase, por exemplo, dun incidente de proporcións similares na rúa, os dous andando polo noso pé, poño por caso, o señor aquel tan ofendido non o estaría tanto, iso en primeiro lugar; en segundo, non sería capaz de dicir as barbaridades ou as bobadas que dixo. Hai cousas que só se din desde dentro dun coche.

Nunca souben entender a que se debe ese tipo de comportamento dos condutores, que ademais está bastante estendido. Un amigo meu, que sabe algo de psicoloxía e ten estudado este tipo de condutas violentas, asegura que a causa de tales actitudes hai que buscala no feito de que o coche se considera un reducto privado, case íntimo, e que con calquera incidente, por pequeno que sexa, moita xente séntese como agredida. Resulta curioso, non obstante, que unha cousa tan moderna como o automóbil, que nos deu tanta libertade, nos iguale tamén, e tanto, coa maior parte dos animais, que son especialmente agresivos na defensa do seu territorio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de xullo de 1999.